
Festival Monterrei Reverdece e Showroom Bilbao, próximas actividades da D.O. Monterrei
03/10/2025
A D.O. Monterrei obtén o seu máximo histórico: 8.072.785,7 quilogramos de uva
17/10/2025Os viños da Denominación de Orixe Monterrei conquistaron Bilbao nun showroom celebrado en Dike 1 – Cocktail Bar & Restaurante, que reuniu a máis de 80 profesionais vinculados ao mundo da gastronomía: hostaleiros, distribuidores, sumilleres, prensa e influencers.
Ao longo da tarde, os asistentes tiveron a oportunidade de catar unhas 40 elaboracións procedentes de 22 adegas adscritas a esta denominación galega, e coincidiron en destacar a diversidade e autenticidade duns viños que cualificaron como “únicos e exclusivos”.
As adegas participantes nesta iniciativa foron Ladairo, Pazo das Tapias, Gargalo, Castro de Lobarzán, José Luis Gómez Ibáñez (Valderello), José Antonio Da Silva Pereira (Vinos Lara), José Luis Mateo García (Quinta da Muradella), Crego e Monaguillo, Minius, Terras do Cigarrón, Triay, Pazo Blanco Núñez (Tapias Mariñán), Fragas do Lecer, Vía Arxéntea, Abeledos, Pazo de Valdeconde, Tabú, Alba Al-Bar (Daniel Fernández), Fausto Rivero (Quinta Soutullo), Manuel Vázquez Losada, Alejandro Ramón Blanco Dijkhoff (Ramón Bigotes) e Terra de Godello.
Unha denominación nova, diversa e sorprendente
A D.O. Monterrei conta actualmente con 29 adegas e máis de 798 hectáreas de viñedo, situadas no sueste da provincia de Ourense. Aínda que é recoñecida polos seus brancos de Godello e Treixadura, e os seus tintos de Mencía, tamén sorprendeu en Bilbao con viños elaborados a partir doutras variedades como Dona Branca ou Albariño en brancas, e Tempranillo, Sousón ou Caíño Tinto en tintas.
Unha riqueza varietal que se suma á gran diversidade do seu territorio, chans e a un microclima único: máis caloroso que outras zonas galegas, de carácter mediterráneo tépedo pero con influencia continental. Todo iso fai que os viños de Monterrei teñan unha personalidade inconfundible e moi distinta entre si.




