
Prescritores internacionais mergúllanse na D.O. Monterrei
12/12/2025Por segundo ano consecutivo, a catadora Beth Willard, experta internacional en viños, achegouse ata o territorio da D.O. Monterrei para coñecer, de primeira man, os proxectos vitivinícolas de 22 adegas rexistradas na entidade.
Willard, en calidade de representante do Master of Wine Tim Atkin, está a traballar na elaboración dun informe detallado con puntuacións sobre os viños galegos no marco dos Special Reports, publicacións especiais que emiten sobre as distintas denominacións de orixe; e que permitirá a Monterrei reforzar a súa imaxe de marca, ademais de axudar ás adegas para impulsar os seus viños e lograr unha maior proxección nos mercados internacionais.
Durante a súa estancia coñeceu, in situ, o traballo efectuado polas adegas Triay, Abeledos, Gargalo, Terras do Cigarrón, Pazo das Tapias, José Luis Mateo García (Quinta da Muradella) e Manuel Vázquez Losada. Na visita a estas adegas, e da man dos seus responsables, descubriu viñedos, instalacións e, por suposto, as diferentes elaboracións vitivinícolas coas que contan.
Doutra banda, na sede do Consello Regulador realizouse un Túnel do Viño, que permitiu mostrar o produto doutras quince adegas da denominación: Trasdovento, Minius, Alejandro Ramón Blanco Dijkhoff (Ramón Bigotes), Ladairo, Pazo de Valdeconde, Pazos del Rey, Tabú, Alba Al-Bar (Daniel Fernández), Vía Arxéntea, Fausto Rivero Pardo (Quinta Soutullo), Fragas do Lecer, Franco Basalo, José Antonio Da Silva Pereira (Vinos Lara), José Luis Gómez Ibáñez (Valderello) e Manuel Regueiro García (Serra de Alén).
Nesta ocasión, Willard catou máis 90 viños (brancos, tintos, monovarietales, coupages, elaboracións especiais con barrica ou leas), de diferentes colleitas, desde 2012 ata a de 2025, comprobando a boa evolución dos mesmos no tempo.
Ademais de colaborar co Master of Wine Tim Atkin, Beth Willard é escritora da revista Decanter e co-presidenta do concurso Decanter World Wine Awards, e realiza catas e presentacións de viños españois.




