
O C.R.D.O. Monterrei e o Concello de Verín renovan o convenio de colaboración para a Feira do Viño de Monterrei
15/07/2025
O C.R.D.O. Monterrei asina un convenio de colaboración con A.V.P.C. Verín
22/07/2025Un intenso programa de actividades, aptas para todas as idades, terán lugar durante as xornadas da XVIII Feira do Viño de Monterrei, co obxecto de converter a este evento nunha cita ineludible.
Ademais do apartado musical previsto, tamén está contemplado a realización de catas comentadas e showcookings, para o público adulto, así como de xogos populares para os/as nenos/as.
A primeira delas será ‘Monterrei, sorbos de historia e tendencia’, con Juanjo Figueroa, presidente da Asociación Galega de Sumilleres (AGASU) e imaxe da campaña promocional da D.O. Monterrei “Non lle deas máis voltas”. Está programada para o sábado 09 de agosto, ás 13 horas, e realizará un percorrido polas variedades, clima e chans do territorio vitivinícola, acompañado dunha experiencia musical.
Ese mesmo día, pero xa ás 20.00 horas, organizarase a actividade ‘Come, bebe e aprende do mellor xeito’ a cargo de Begoña Vázquez (Premio mellor cociñeiro galego 2024), Miguel López (director técnico do C.R.D.O. Monterrei) e José Manuel Salgado (profesor do CMUS Verín). Durante a mesma mostrarase a gran versatilidade de viños de Monterrei, así como a riqueza gastronómica da zona, a través dunha maridaxe con produtos locais selectos. Todo iso harmonizado por un pequeno concerto acústico de guitarra.
Na xornada do domingo, ás 13 horas, realizarase a cata maridada con produtos de “Experiencias de Calidade de Galicia” presentada como ‘Monterrei: Frescura Atlántica, Carácter Continental’, da man de Martín Touceda (responsable da empresa familiar Cien por Cel) e Juliana Picarelli (sumiller do Restaurante Maruja Limón 1 estrela Michelin e 2 soles Repsol). Esta iniciativa permitirá descubrir o potencial da denominación xunto diferentes elaboracións de porco celta.
Para participar nalgunha destas tres actividades será necesario formalizar a inscrición no correo electrónico info@domonterrei.com, así como abonar 10 euros de cota de participación. As prazas son limitadas e por rigorosa orde de inscrición. As mesmas realizaranse no espazo de showcooking situado no parque da Alameda.
Doutra banda, e xa para o público infantil, durante as xornadas do 09 e 10 de agosto, o interior da Alameda tamén servirá de escenario para a realización de xogos populares como 3 en raia, tangram ou ra, entre outros. Será entre as 20 e 22 horas, na zona sur do parque, e non é necesaria a inscrición previa.




