
Prescritores especializados descobren o territorio da D.O. Monterrei
30/07/2025
Tres días de actividades na XVIII Feira do Viño de Monterrei
07/08/2025O venres 08 de agosto terá lugar o acto de imposición de medallas da Confraría dos Viños de Monterrei, no que se nomearán tres novos membros: Xosé Manuel Santiago Afonso, José Manuel Goméz Gómez e Manuel Pardo Cid.
Xosé Manuel Santiago Afonso, responsable da asociación de defensa sanitaria do viñedo (ADF), ademais do programa autonómico para o control de enfermidades (ata a súa desaparición). Na actualidade traballa como técnico de Unións Agrarias en Verín, axudando en cuestións como asesoramento, análise de terras ou diagnóstico de enfermidades, entre outras.
José Manuel Gómez Gómez, Cazolas, estivo vinculado ao sector vitivinícola ata a súa xubilación. Durante o seu cargo como técnico na Oficina Rural de Verín, responsabilizouse da atención técnico-administrativa a viticultores e adegueiros, en aspectos como normativa, uso de produtos fitosanitarios, prácticas sostibles, manexo integrado de pragas, trámites de axudas e subvencións vitícolas, xestión de rexistros ou autorización de plantacións. Este enxeñeiro agrícola tamén formou parte do Comité de Certificación do C.R.D.O. Monterrei. Actualmente é presidente da I.X.P. Pataca de Galicia.
O delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo Cid, tivo relación coa viticultura desde pequeno, cando axudaba no viveiro familiar no que se facían enxertos para a venda. Aínda que a súa vida profesional levouno polo mundo do dereito e a administración pública, mantén a unión coas súas orixes, e tras reestruturar viñedos na comarca de Monterrei, continúa o coidado dos mesmos. Fortemente unido a Verín, tamén exerceu como secretario xudicial no Xulgado de Primeira Instancia e Instrución nº 2 da localidade.
Este acto, que se realiza conxuntamente coa celebración da Feira do Viño de Monterrei, levarase a cabo na Igrexa Parroquial de Verín, a partir das 18.30 horas (entrada libre ata completar aforo). A Confraría dos Viños de Monterrei foi creada no ano 2013, e contará 57 membros (algúns deles nomeados a título póstumo).




