
A feira do viño de Monterrei asina a súa edición máis exitosa con máis de 36.000 degustacións vendidas
18/08/2026
Verín, 02 de outubro de 2026. A Denominación de Orixe Monterrei declarou o pasado 29 de setembro o remate da vendima 2026 con 8.769.674,44 quilos de uva recollidos. Do total recollido, o 81 % corresponde a variedades brancas, mentres que o 19 % restante pertence a variedades tintas. Este resultado confirma a evolución positiva experimentada polo sector vitivinícola da comarca durante os últimos anos e reforza o peso das variedades autóctonas.
As condicións meteorolóxicas rexistradas ao longo do ciclo vexetativo foron determinantes tanto no adianto do inicio da vendima, que comezou o 17 de agosto, como no desenvolvemento dunha campaña especialmente prolongada, unha das máis longas que se lembran na D.O. Monterrei. O período previo á vendima estivo marcado por temperaturas elevadas, escaseza de precipitacións e unha acusada oscilación térmica entre o día e a noite. Estas condicións favoreceron unha evolución progresiva da maduración e contribuíron a manter un equilibrio adecuado entre o grao alcohólico e a acidez da uva.
O presidente do Consello Regulador da D.O. Monterrei, Manuel Vázquez Losada, sinala que “os datos desta vendima volven poñer de manifesto o potencial do territorio e o traballo realizado durante todo o ano por viticultores e adegueiros. Acadar un novo máximo histórico de produción, mantendo ao mesmo tempo unhas boas condicións de calidade da uva, é unha satisfacción para todo o sector”.
Co remate da vendima comeza agora unha nova etapa nas adegas da D.O. Monterrei, centrada na elaboración dos viños desta campaña. As condicións coas que chegou a uva permiten afrontar este proceso con expectativas moi positivas, aínda que será a evolución dos mostos e do propio proceso de elaboración a que determine finalmente as características dos viños e permita trasladar as peculiaridades da zona á copa.
Deste xeito, a D.O. Monterrei pecha unha campaña especialmente significativa para o sector vitivinícola da comarca, marcada por un novo máximo histórico de produción e por unhas condicións de vendima que permiten mirar con optimismo cara aos próximos meses.
Datos da vendima 2026
- Uva recollida
- 8.769.674,44 kg
- Inicio da vendima
- 17 de agosto
- Remate da vendima
- 29 de setembro







