
Os viños da D.O. Monterrei chegan a Barcelona
26/09/2025
Festival Monterrei Reverdece e Showroom Bilbao, próximas actividades da D.O. Monterrei
03/10/2025A Denominación de Orixe Monterrei reuniu onte ao redor de 170 profesionais do sector vitivinícola, que se achegaron ao Hotel Alexandra de Barcelona para coñecer as novidades e tendencias das adegas da D.O. Monterrei participantes no showroom.
Durante a xornada, os profesionais do sector puideron coñecer de primeira man os viños máis representativos de 21 das 29 adegas adscritas actualmente á Denominación de Orixe Monterrei, que mostraron a impresionante diversidade varietal e a versatilidade dos viños desta denominación de orixe galega.
“Para a denominación, Barcelona é un dos principais mercados de venda dos nosos viños, e así o destacan non só informes económicos senón tamén as propias adegas, que demandan a realización de accións nesta cidade”, indica o presidente da entidade, Manuel Vázquez Losada. “Por este motivo quixemos promover esta iniciativa que permite reforzar o noso labor promocional iniciado en BWW, e que se destinou única e exclusivamente ao sector profesional” manifesta Vázquez, “e deste xeito afianzar a nosa imaxe de marca, consolidar mercados actuais e explorar novas canles de comercialización asentándonos na máxima da calidade”.
As adegas participantes foron: Ladairo, Pazo das Tapias, Gargalo, Castro de Lobarzán, José Luis Gómez Ibáñez (Valderello), José Antonio Da Silva Pereira (Vinos Lara), Crego e Monaguillo, Minius, Terras do Cigarrón, Triay, Pazo Blanco Núñez (Tapias Mariñán), Fragas do Lecer, Vía Arxéntea, Abeledos, Pazo de Valdeconde, Tabú, Alba Al-Bar (Daniel Fernández), Fausto Rivero (Quinta Soutullo), Manuel Vázquez Losada, Alejandro Ramón Blanco Dijkhoff (Ramón Bigotes) e Terra de Godello.
En total, as adegas presentaron 45 referencias que engloban tanto aos seus recoñecidos brancos como aos seus sorprendentes tintos, unha aposta que cada día toma máis forza na D.O. Monterrei.
Así, entre os 25 viños brancos presentados, puidéronse catar monovarietales nos que a uva Godello brilla con especial intensidade, pero tamén coupages con outras variedades autóctonas galegas como a Albariño, Treixadura ou Dona Branca. Os tintos estiveron moi ben representados por 20 referencias moi diversas, entre as que destacaron as elaboradas coa súa uva estrela, a Mencía, que se conxugou nalgúns dos seus viños con Sousón, Caíño tinto e Araúxa (Tempranillo), variedades que son tendencia entre os winelovers.




