O Consello Regulador da D.O. Monterrei pon en marcha unha nova campaña publicitaria para reivindicar a calidade de todas as tipoloxías de viño elaboradas nesta zona vitivinícola. Esta campaña busca seguir fomentando o coñecemento e o consumo duns viños, os de Monterrei, que abranguen todas as preferencias dos diferentes perfís de consumidor.
O equipo da axencia de publicidade que realizou a creatividade quixo poñer en valor a calidade dos viños da D.O, Monterrei a través dunha campaña cun enfoque creativo, moderno e con toques de humor, como só unha D.O. coma a de Monterrei, unha das máis novas de Galicia, pode facer.
A idea
Creada polo estudo creativo Manu Cidre, a campaña, que comezará o 02 de xuño, está composta por un spot de 45 segundos, dous spots de 15 segundos, gráficas de prensa, publicidade exterior, pantallas dixitais e contido para redes sociais.
Previamente, durante o mes de maio, lanzouse unha campaña de transición cun único orixinal en prensa onde se presentaba o novo concepto sen desvelar máis detalles.
Os novos spots mostran un potente insight: ese momento no que o sumiller sirve o viño e quen ten que probalo e confirmar que está bo non ten coñecementos na materia. Mediante a esaxeración, o spot consegue captar a atención do espectador cun xogo de miradas entre o sumiller e a clientela, que non se decide a deixar de facer xirar a copa de viño. A situación resólvese co eslogan da campaña, “non lle deas máis voltas” porque “no reino dos viños, Monterrei é o rei”, para transmitir que a forma máis sinxela de saber si un viño é bo é que sexa da mencionada D.O.
A campaña en medios
Ao longo dos próximos meses desenvolveranse diferentes accións publicitarias tanto offline coma online, entre elas a publicación dun site (nonlledeasmaisvoltas.gal) no que se pode acceder a todo o contido xerado para a ocasión.
A campaña, que se dividirá en dúas fases, conta cunha importante inversión en medios dixitais, ademáis de presencia en prensa, en vallas e minipuntos ubicados por toda a xeografía galega, e nos centros comerciais con maior afluencia de público da comunidade.
Para potenciar visibilidade e o alcance da campaña, así como dos viños de Monterrei, levaranse a cabo diferentes colaboracións con todo tipo de influencers e xeradores de contido que darán o seu toque personal para facer chegar a mensaxe ás súas comunidades.