
A D.O. Monterrei presente en ‘Galicia Wines and Augardentes Festival’ en Copenhague
28/05/2025
“Non lle deas máis voltas”, a nova e divertida campaña da D.O. Monterrei
01/06/2025Ao longo da próxima semana, a D.O. Monterrei estará presente en dous eventos agroalimentarios galegos: XI Salón do Viño e Licores Galegos de Calidade (Ourense Vinis Terrae) e Salón de Alimentación do Atlántico (Salimat Abanca).
O primeiro deles, Ourense Vinis Terrae, terá lugar o 02 e 03 de xuño no recinto feiral de Expourense. Neste caso, e co obxecto de promocionar o territorio vitivinícola e reforzar a imaxe de marca, acudirase baixo o amparo da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), a través dun formato do Túnel do Viño no que se poderán coñecer quince viños de Monterrei. As adegas participantes nesta iniciativa son Pazo das Tapias, Ladairo, Pazo de Valdeconde, Tabú, Alba Al-Bar (Daniel Fernández), Vía Arxéntea, Fragas do Lecer, Franco Basalo, Gargalo, José Antonio Da Silva Pereira (Vinos Lara), José Luis Gómez Ibáñez (Valderello), Manuel Vázquez Losada, Fausto Rivero Pardo (Quinta Soutullo), Terras do Cigarrón e Triay Adegas de Oímbra. Ademais, tamén se ofrecerá información sobre a tradición e historia vitivinícola, características edafoclimáticas, variedades de uva e tipoloxías de viños.
A segunda iniciativa agroalimentaria será Salimat Abanca, do 05 ao 08 de xuño, e que chega coa finalidade de potenciar o salón como espazo do encontro do sector alimentario e gastronómico. Durante a mesma, os viños da denominación estarán presentes no espazo de AGACAL, así como en dúas catas de Experiencias de Calidade. A primeira delas será o día o 05 de xuño, a cargo de Natalia González, técnica de promoción do Consello Regulador, e a segunda ao día seguinte, da man do sumiller Nacho Costoya, que realizará un percorrido polas cinco denominacións vitivinícolas galegas.