
A D.O. Monterrei súmase á celebración do Día Mundial do Enoturismo
04/11/2025
A D.O. Monterrei participa no evento ‘Vinos y Viños. Tegueste y Galicia se encuentran’’
18/11/2025O Consello Regulador da D.O. Monterrei continúa co seu calendario de accións promocionais para este 2025, coa realización da última delas en Sevilla e Jerez de la Frontera.
Durante dúas xornadas, a entidade levou a cabo tres iniciativas complementarias co obxecto de reforzar o coñecemento e a visibilidade da denominación, posicionar a marca Monterrei no mercado andaluz e axudar á apertura de novas canles de comercialización. Máis de trescentas persoas formaron parte dalgunha delas, destinadas á hostalería, distribución, sumillería, enófilos e escolas de restauración.
A primeira actividade enmarcouse dentro de Verema Sevilla, onde a denominación contou cun espazo propio no que presentar as particularidades deste territorio, características edafoclimáticas, variedades de uva e tipoloxías de viño. Á mesma acudiron máis dun centenar de persoas, correspondéndose o 80% das mesmas ao sector da hostalería e distribución (restaurante, vinotecas, tendas especializadas e distribuidores locais).
A segunda, realizada nos centros educativos IES Heliópolis, Atenea e Maese Rodrigo, asentouse baixo o formato dun seminario formativo e túnel de viños, coa finalidade de fomentar o coñecemento do territorio, variedades autóctonas e tipoloxías de elaboración. Participaron 180 alumnos/as e profesorado de ciclos medios e superiores de hostalería e restauración dos devanditos centros educativos hispalenses.
E a última delas estivo dirixida á Asociación de Sumilleres de Cádiz. A través dunha sesión de carácter técnico centrada na cata guiada de viños representativos de Monterrei, abordáronse as características climáticas e varietales da denominación, con especial atención á súa singularidade dentro do mapa enolóxico galego. A mesma realizada en Jerez de la Frontera contou coa participación de 25 membros da asociación.
Trátase da primeira acción promocional que promove a denominación nestas dúas cidades, e á mesma sumáronse as seguintes adegas: Ladairo, Pazo das Tapias, Gargalo, Castro de Lobarzán, José Luis Gómez Ibáñez (Valderello), José Antonio Da Silva Pereira (Vinos Lara), Crego e Monaguillo, Minius, Terras do Cigarrón, Triay, Pazo Blanco Núñez (Tapias Mariñán), Fragas do Lecer, Vía Arxéntea, Abeledos, Pazo de Valdeconde, Tabú, Alba Al-Bar (Daniel Fernández), Fausto Rivero (Quinta Soutullo), Manuel Vázquez Losada, Alejandro Ramón Blanco Dijkhoff (Ramón Bigotes) e Terra de Godello.
“A realización desta acción permitiunos mostrar o noso territorio vitivinícola a un importante número de prescritores, distribuidores e profesionais do sector; e segue a liña da entidade á hora de abrir novos mercados e consolidar os xa existentes”, indica o presidente do C.R.D.O. Monterrei, Manuel Vázquez Losada.




