
Showcookings con produtos de Experiencias de Calidade, catas e diversas actividades complementan a XIX Feira do Viño de Monterrei
16/07/2026O Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei celebrou na súa sede a Cata de Cualificación correspondente á colleita 2025, obtendo a cualificación de “excelente.
Na sesión participaron os profesionais expertos Enrique Santiago Pérez Espiño (técnico da D.O. Valdeorras), Juan Manuel Posada Curros-Buendía (Asociación de Enólogos de Galicia), Jorge Cajete Facorro (sumiller da Taberna Vinoteca O Carro), Carmen Gómez Viforcos (técnica da D.O. Bierzo), Rebeca André Estévez (panel oficial de cata da D.O. Monterrei), Begoña Gómez González (panel oficial de cata da D.O. Monterrei) e Nuria Trigueros Añibarro (panel oficial de cata da D.O. Monterrei). Tras a avaliación das mostras, os expertos coincidiron en outorgar a cualificación de “excelente” á colleita 2025 dos viños de Monterrei.
O comité de cata destacou “a alta calidade dos viños presentados, así como a constancia e regularidade dos estándares de calidade”. Este recoñecemento como “colleita excelente” pon de manifesto a capacidade de adaptación e a profesionalidade de todo o sector produtor da Denominación de Orixe Monterrei. A pesar das circunstancias adversas provocadas polos incendios que afectaron á comarca en 2025, a resiliencia e a experiencia de viticultores, enólogos e adegueiros permitiron converter a adversidade nunha oportunidade, acadando que a cualificación da colleita 2025 sexa excelente.
O proceso de cualificación desenvolveuse a partir dunha mostra representativa de viños da denominación, que foi sometida á valoración do panel de expertos. Todas as referencias foron catadas ás cegas, garantindo así a máxima imparcialidade e obxectividade do proceso ao tratarse de mostras completamente anónimas. A puntuación final obtívose a partir da media das valoracións individuais realizadas por cada catador, tendo en conta tanto os viños brancos como os tintos. Posteriormente, o resultado trasladouse á táboa oficial de correspondencias, da que se deriva a cualificación definitiva da colleita.




