
Palma de Mallorca réndese ante os viños de Monterrei
02/05/2025
A D.O. Monterrei conquista Madrid con Godellos, Mencías e ‘Coupages’ que confirman a súa versatilidade gastronómica e que son ideais para o verán
27/05/2025O próximo 26 de maio, a Denominación de Orixe Monterrei volve a Madrid para presentar a nova anada dos seus viños nun encontro profesional que contará coa participación de 19 adegas. A cita pon en valor o crecemento sostido da denominación que conta cunha tradición vitivinícola que se remonta a séculos atrás. Boa proba diso é o grupo escultórico romano ‘Dionisos e Ampelos’, achado na vila romanda da Muradella en Mourazos (Verín) e conservado no Museo Arqueolóxico de Ourense.
A D.O. Monterrei presentará os seus viños elaborados con dous das súas variedades máis representativas: Godello, en brancos, e Mencía, en tintos. Segundo Manuel Vázquez, presidente do Consello Regulador, a nova anada destaca polo seu equilibrio entre frescura, expresión varietal e estrutura. “As condicións climáticas da última campaña favoreceron unha maduración óptima, e iso reflíctese en viños máis aromáticos, con boa acidez natural e gran capacidade de garda”.
Durante o evento poderanse catar os viños das seguintes adegas: Ladairo, Pazo das Tapias, Gargalo, Castro de Lobarzán, José Luis Gómez Ibáñez (Valderello), Crego e Monaguillo, Terras do Cigarrón, Triay, Pazo Blanco Núñez (Tapias Mariñán), Fragas do Lecer, Vía Arxéntea, Abeledos, Pazo de Valdeconde, Tabú, Alba Al-Bar (Daniel Fernández), Fausto Rivero (Quinta Soutullo), Manuel Vázquez Losada, Alejandro Ramón Blanco Dijkhoff (Ramón Bigotes) e Terra de Godello.
O éxito que están a cultivar os Godellos de Monterrei no mercado nacional e internacional explícase pola súa autenticidade. Nesta zona, a variedade atopa unha contorna privilexiada para expresar a súa personalidade: viños frescos, minerais, equilibrados, con volume e complexidade. Ademais, a aposta pola calidade en cada fase do proceso foi clave neste recoñecemento, avalado por premios e mencións en publicacións especializadas.
Fronte a outras rexións galegas máis atlánticas, Monterrei conta cun clima máis continental e unha gran diversidade de chans, que van desde pizarrosos a graníticos. Esta combinación permite elaborar viños con maior estrutura e capacidade de garda, sen perder frescura. No caso dos tintos, os Mencías de Monterrei destacan polas súas notas de froitas vermellas e negras, acidez equilibrada e boa evolución en botella. “Son viños con estrutura pero sen perder lixeireza, o que os fai moi agradables de beber”, sinala Vázquez.
A versatilidade gastronómica é outro dos grandes valores desta denominación. Un Godello novo harmoniza con peixes e mariscos, mentres que un con crianza acompaña carnes brancas, arroces ou pratos máis elaborados. Os tintos, pola súa banda, adáptanse a diferentes estilos de cociña, o que converte a Monterrei nunha opción atractiva para a restauración.
Mirando ao futuro, o Consello Regulador márcase como obxectivo consolidar os mercados actuais e explorar novas canles de comercialización, sempre desde unha viticultura de calidade e con identidade propia. Tamén se traballa en relanzar a formación vitivinícola na comarca e en atraer a novas xeracións ao sector, convencidos de que a viticultura pode ser unha oportunidade laboral atractiva. “Queremos seguir crecendo de forma sostible, sen perder a esencia da nosa tradición”, conclúe o presidente.