A Denominación de Orixe Monterrei continúa co seu calendario de accións promocionais para este ano, coa realización da última delas en Palma de Mallorca.
Ao longo de dúas intensas xornadas, o Consello Regulador impulsou catro actividades complementarias para mostrar ao público mallorquín as singularidades do territorio vitivinícola, variedades de uva, chans, clima e, como non, os viños que se elaboran no mesmo. Más de dous centenares de persoas participaron nalgunha delas, destinadas ao sector da sumillería, distribución, medios de comunicación, enófilos, así como profesores e estudantes da Escola d’Hoteleria de les Illes Balears.
Trátase da primeira acción promocional que promove a denominación nesta illa, e que ten por obxecto non só posicionar a marca Monterrei dentro do sector do viño, creando un valor único para o profesional e consumidor, senón tamén axudar ás adegas amparadas a abrir novas canles de comercialización para os seus produtos.
Nesta ocasión a esta iniciativa sumáronse as adegas Ladairo, Pazo das Tapias, José Luis Gómez Ibáñez (Valderello), José Antonio Da Silva Pereira (Vinos Lara), José Luis Mateo García (Quinta da Muradella), Crego e Monaguillo, Quinta do Buble, Terras do Cigarrón, Triay, Pazo Blanco Núñez (Tapias Mariñán), Fragas do Lecer, Vía Arxéntea, Pazo de Valdeconde, Tabú, Franco Basalo, Alba Al-Bar (Daniel Fernández), Trasdovento, Fausto Rivero Pardo (Quinta Soutullo), Manuel Vázquez Losada, Manuel Regueiro García (Serra do Alén) e Terra de Godello.
“A promoción desta iniciativa permitiunos mostrar a denominación a un importante número de prescritores, e segue a liña da entidade á hora de consolidar mercados existentes e sentar as bases para abrir outros novos”, manifesta o presidente do C.R.D.O. Monterrei, Manuel Vázquez Losada.